Esta asignatura a da Lupe, temos 3 horas á semana.
Estivemos dando a parte teórica da cal temos exame o venres 22. A parte teórica consta na sociolingüística, estereotipos e prexuizos lingüísticos e historia da normativización, e literatura a poesía das Irmandades de Fala, a poesía de vangarda, a prosa do primeiro terzo de século XX e o teatro de primeiro terzo do século XX.
A POESÍA DE VANGARDA:
Nas primeiras décadas do século XX, en Europa, un movemento de renovación estética revolucionou todos
os aspectos da arte; é o que se denominou xenericamente vangardas. Estas contan con diferentes correntes
estéticas que se denominan ismos. Algúns dos postulados que defendían as vangardas son:
-a reivindicación da materia artística como algo autónomo
-o espírito rebelde e provocador fronte á tradición estética e as normas
-a defensa da liberdade e modernidade creadora e da orixinalidade
Algúns destes ismos (futurismo, cubismo, dadaísmo, surrealismo, creacionismo...) producirán unha especial
influencia na literatura galega, tanto en aspectos temáticos como nos formais:
En Galicia, unha nova xeración de poetas, nacidos arredor de 1900 e coñecidos como xeración de 1925,
xeración de vangarda ou do 22, vanse aproximar ás vangardas europeas, fomentando o enxebrismo da nosa arte e
da nosa literatura. Polo tanto, os ismos galegos son unha mestura de tradición e modernidade.
Dentro deles
podemos falar de dúas tendencias;
.A dos ismos que seguen liñas poéticas xa existentes en Galicia: hilozoísmo e neotrobadorismo
·A tendencia que rompe coa tradición anterior: creacionismo e surrealismo
O hilozoísmo, tamén denominado imaxinismo, xorde da tradición literaria paisaxística cultivada por
Rosalía, Noriega e Cabanillas, entre outros, combinada con recursos vangardistas. Caracterízase polo
personificación da natureza; a sucesión de imaxes plásticas, os elementos visuais e auditivos; o predominio da cor
viva e rechamante e a métrica sinxela.
O principal representante é Luís Amado Carballo coa obra titulada Proel
(1927)
O neotrobadorismo xorde polo descubrimento da poesía medieval galego-portuguesa, máis en concreto
pola súa difusión a partir de 1928. Baséase na tradición, imitando a cantiga de amigo e de amor. Caracterízase pola
perfección formal, polo uso de procedementos estilísitcos das cantigas galego-portuguesas -paralelismo, refrán, ás
veces lexaprén-, pero cunha linguaxe poética e unhas imaxes propias do século XX.
Os autores máis
representativos son: Fermín Bouza Brey coa obra Nao senlleira (1933) e Álvaro Cunqueiro, coa obra Cantiga
nova que se chama riveira (1933).
O creacionismo supón un fito illado na nosa literatura, ademais de ser o único movemento plenamente
vangardista, orixinal e universalista. Prescinde da imitación realista, pois o poeta pretende crear unha realidade
autónoma. Caracterízase pola superposición de imaxes e a exclusión da musicalidade e da rima. Este movemento
en Galicia foi exclusivo de Manuel Antonio do que destaca a súa única obra publicada en vida, obra fundamental
e un dos cumes da poesía galega de todos os tempos: De catro a catro (1928).
Esta obra supón o inicio da vangarda plena polo seu carácter innovador, audaz e rupturista, tanto no plano
da forma coma no do contido: innovadora disposición tipográfica, ausencia de ritmo e rima, inexistencia de lóxica
gramatical, metáforas inusuais, falta de espazo e de tempo. Todos estes elementos conformarán unha visión do mar
insólita no panorama literario galego.
A poesía de Manuel Antonio supón unha decisiva ruptura coa tradición lírica galega e presenta unha tripla
orixinalidade: lingüística -tecnicismos, estranxeirismos e cultismos-, temática -o mar visto desde o propio mar-, e
formal -tratamento rupturista-.
O surrealismo nas nosas letras vén da man de Álvaro Cunqueiro coa súa obra Poemas do si e do non
(1933), aínda que dun xeito inxenuo e sentimental. Tamén Manuel Luís Acuña coa súa obra Fírgoas (1933)
presenta algúns dos poemas máis singulares desta época, apoiándose na economía verbal e a eliminación do
elemento narrativo.
Luís Pimentel do que destaca a súa obra póstuma Sombra do aire na herba (1959), móstranos un universo
poético constituído por seres e obxectos que convidan á intimidade e ao recollemento -nenos, hospitais, prazas
baleiras, xardíns,...-. A súa poesía está chea de musicalidade, pero tendendo ás veces ao surrealismo.
http://www.edu.xunta.gal/centros/iesastelleiras/?q=system/files/A+poes%C3%ADa+de+vangarda.+Caracter%C3%ADsticas%2C+autores+e+obras+representativas..pdf